Thursday 25 de April de 2024

Moeche contará cun punto de recollida de auga para os helicópteros contraincendios


Medio Rural construirá un depósito de máis de 100.000 litros nunha parcela cedida polo Concello

 

O Concello de Moeche colabora coa Consellaría do Medio Rural cedéndolle unha parcela municipal en Portogonzalbo para a construción dun depósito que poida ser utilizado polos servizos de extinción de incendios. A particularidade da obra é que, ademais de valer para motobombas, tamén poderán empregala os helicópteros para encher os seus “bambis”, nome que se lle dá aos baldes de carga rápida que levan pendurados. O punto de captación terá unha capacidade superior aos 100.000 litros e estará abastecido permanentemente polo rego das Mourelas. A elección do sitio por parte do Distrito Forestal obedece á súa localización estratéxica para completar a rede comarcal de hidrantes para medios aéreos, pero tamén ao feito de encontrarse nun val amplo de prados e labradíos que fan máis doadas e seguras as súas manobras. Ademais, a situación do depósito á beira de pistas asfaltadas tamén facilitará a carga de motobombas e outros equipos terrestres.

“O Distrito Forestal cursounos unha solicitude a mediados de agosto para construír esta infraestrutura nunha parcela municipal. Parécenos unha obra de grande utilidade e moi necesaria e por iso o Concello mostrou a súa total disposición para colaborar no proxecto cedendo o uso do terreo”, explicou Beatriz Bascoy.

A alcaldesa incide en que “os incendios forestais son unha das grandes ameazas no rural e todo apunta a que nos vindeiros anos aínda o serán máis por culpa do despoboamento. Temos que traballar para reverter esa situación, pero tamén debemos estar preparados e contar con todos os medios posibles para actuar de inmediato se se produce un lume”.

A Consellaría do Medio Rural xa comezou os traballos de limpeza do predio de 690 metros de titulariedade municipal onde se construirá o depósito. Encóntrase nunha masa común do lugar de Portogonzalbo, en San Xurxo, na cota máis baixa do rego das Mourelas -de onde collerá a auga- e a escasos metros da pista que enlaza con Requiá. Ademais tamén rozarán unha propiedade lindeira, para o que xa contactaron coa persoa titular.

Segundo informou a consellaría, o depósito aberto terá 8 metros de longo, 7 de largo e 2 metros de profundidade, de modo que poderá almacenar permanentemente algo máis de 100 m3, que veñen sendo, teoricamente, uns 20 abastecementos de motobomba e máis de 150 viaxes de helicóptero equipado con balde de 500 litros. Na actualidade existen 6 puntos de auga repartidos polo territorio de Moeche. Este será o sétimo e o primeiro para o abastecemento aéreo. O Distrito Forestal considera que esta nova localización é “a adecuada para completar a rede do Servizo de Prevención de Incendios Forestais”, que conta con outros catro depósitos similares nun radio de 8 quilómetros.

O investimento na obra -asumido por Medio Rural- estímase en 38.000 euros e desde o Concello axilizarase o trámite da cesión de cara a que os traballos se poidan completar “no prazo máis breve posible”.